Muxicas

BOLBORETA F.M.

En 1990 publicamos o noso cuarto disco, «Desafinaturum». Nel apareceu este tema, metade valse metade pandeirada.

Daquela, e aínda hoxe, pareceunos moi divertido transmutar un ritmo ternario en binario, con todo o que iso conleva: troco de base, axuste de fraseos e distinta expresividade dunha mesma liña melódica de partida. Non é a única vez que botamos man deste recurso (non buscado, senón atopado por divertido) que nos permitíu amosar canto nos queda por facer xogando cos ritmos que chegaron onda nós porque os nosos devanceiros gaiteiros así nolos transmitiron.

Aproveito esta reflexión para intentar explicar, unha vez máis, o por que nós consideramos que os valses, as rumbas, e os fox trot (por exemplo) sí están integrados no noso acervo cultural musical e, nembargantes, consideramos que a incorporación das gaitas organolóxicamente modificadas (modelo escocés), as percusións de plástico e os ritmos e xeitos importados de Escocia, Irlanda, Bretaña e afíns non están dentro dos mesmos parámetros.

Os gaiteiros que fixeron as incorporacións ós seus repertorios dos temas de actualidade da súa época (rumbas, valses, mazurcas, pasodobres, etc) fixérono atendendo á demanda dos auténticos propietarios da cultura popular: o pobo. Nos bailes demandábanse os ritmos de moda e os músicos, prestando ó servizo que se espera deles, axustaron os seus repertorio para, amais de manter o que xa aprenderon dos seus precedentes, ofrecer as novidades demandadas socialmente, galeguizándoas e encaixándoas nos instrumentos tradicionais.

Pola contra as actuais tendencias de incorporacións externas presuntamente «célticas» obedecen ó intento (creo eu) de parecérmonos (os músicos e os directores de agrupacións) ó que se admira e se considera superior. Non é unha demanda de abaixo para arriba, do pobo ós músicos. É, máis ben, unha imposición de arriba para abaixo, das agrupacións que levan a cabo este tipo de actuacións cara ó pobo que, maiormente urbano, desconectado da súa tradición, da súa cultura, polo evidente desarraigo que sufriu, traga coma un bendito co que lle poñan de diante.