Muxicas

MUXICAS

O folc máis tradicional

PRESENTACIÓN

A páxina web de Muxicas creouse para ofrecer un servizo en tres aspectos que cremos fundamentais: o educativo, o cultural e o informativo.

Na función informativa promovemos o coñecemento da historia deste colectivo desde a veracidade da posición de primeira persoa que representamos. Deste xeito garantimos poñer luz sobre informacións erradas que circulan desde publicacións con datos non contrastados. Tamén a nosa realidade tropeza coa fonte do boca a boca que, como tantas veces, adoece de falla de veracidade. Estes factores deforman a realidade primixenia dos feitos acontecidos, así como dos valores promovidos e os obxectivos marcados para acadar os fins que se pretenderon. Isto debe ser corrixido e aquí é onde se fai, ao tempo que se asegura un dos fins últimos desta publicación, que é transmitir datos fieis á realidade e que axuden a entender a historia e os procesos creativos de Muxicas, que en moitos casos abriron camiños inexplorados e que aínda hoxe, dezasete anos despois do cese da nosa actividade, non se comprenden moi ben.

Na función cultural traballamos desde a web o coñecemento e posta en valor da cultura propia, tarefa exteriorizada dende o grupo traballando coa música tradicional recollida polo propio grupo, cos cancioneiros galegos e con composicións propias respectuosas con estas fontes e estas formas culturais; e como non, facendo festa ao xeito noso.

Na función educativa estamos a poñer a disposición dos usuarios e usuarias da web unidades didácticas consistentes nas partituras do corpus musical de Muxicas, sendo transcritos para este fin, con plena garantía de veracidade, arredor de cen temas que o grupo gravou ao longo da súa historia, e corrixe as moitas versións que circulan e non reflicten con fidelidade a realidade do que se fixo. Ao tempo a web esténdese na explicación da instrumentación empregada para cada un deles, e nos casos máis complexos tamén a harmonización, para que, con toda esta información, poida executarse por quen así o queira facer todo ese repertorio, ao tempo que se dan as claves de como se creou toda esa conxunción musical para que outros e outras poidan utilizar ese coñecemento como base para as súas propias composicións ou arranxos. As gravacións sonoras cumpren a función de material de apoio para acadar a plena comprensión dentro das unidades didácticas, así como parte do material videográfico e fotográfico que contextualizan moitos dos textos.

Estes servizos ofrécense para quen lle poida interesar, de balde e sen ningún ánimo de lucro ou intercambio económico, aínda tendo rexeitado ofertas de edición impresa que non están dentro dos nosos fins, que son os xa expostos, mais coa condición irrenunciable do acceso universal e gratuíto á información que tantas veces se nos ten demandado e que os tempos actuais e as tecnoloxías propias deles permítennos ofrecela agora respectando todos eses principios irrenunciables, ao tempo que abrimos unha canle de comunicación bidireccional desde varias seccións da web de xeito que poidamos recibir as vosas suxerencias, opinións, peticións de información detallada, partituras concretas e todas as cuestións que vos poidan ir xurdindo e que esperamos poder resolver.

O equipo de dirección e redacción

 

 

NOVA SECCIÓN NA WEB

Abrimos un novo apartado na web, o BLOG, no que iremos poñendo apuntes de actualidade, xa sexa respecto das novidades ou ampliacións de contidos que vaian implementándose na páxina, ou chamadas de atención sobre aspectos que nos parecen especialmente interesantes dentro da mesma, referidas a todo o período temporal que abarca o espacio da web ou tamén pola relación cos acontecementos do presente.

Saúdos e que cante o merlo

 

· · · · · · · · · · · · · · · · ·

A nosa páxina web está en proceso constante de elaboración e actualización. Iranse engadindo novos textos, arquivos, partituras, vídeos, audios … a medida que se vaian desenvolvendo.

 

Estade atentos!

DISCOGRAFÍA OFICIAL

Falas con nós?

Contacto

Contacta con nós

 

Su código de transacción es: 98370