En 1987 cando os compañeiros de Muxicas estabamos a preparar o repertorio para un novo disco, o que será o terceiro: “O demo fungón”, decidimos incorporar un tema composto por Henrique Otero, mestre de María Xosé López, compañeira en Muxicas. Compositor do que aínda nunca incorporáramos ningún traballo á nosa discografía.
Téndonos recibido amablemente na súa casa, ofreceunos a posibilidade de traballar sobre un tema seu ó que tiña moito aprezo: a “Oración do gaiteiro”. Tema composto co gallo do terrible accidente de autobús acontecido en Santa Cristina de la Polvorosa, onde numerosos compañeiros escolares do seu fillo atoparon un triste fin.
Pareceunos unha boa idea de partida. Así que puxémonos a traballar.
Unha vez rematado o estudo presentámoslle a Henrique o resultado, en forma de maqueta gravada no ensaio. E recoñezo un certo temor a que non lle gustara o resultado.
Afortunadamente non só nos deu a súa feliz aprobación, senon que amáis tivo a xentileza de regalarnos unha copia manuscrita e adicada do tema.
Copia que, co gallo do “Memorial de Henrique Otero” que se celebra de xeito virtual hoxe, 18 de abril do 2020, compartimos con todos vós.